Monday 06 de May de 2024

“Este Nadal xogamos para ser iguais”, novo programa de obradoiros para alumnado de infantil e primaria


Cociña, empaquetaxe creativa, customización de camisetas e elaboración de xoguetes encherán as mañás da primeira semana de vacacións escolares

Este Nadal imos ter moi ocupada á rapazada, con xogos, actuacións culturais e actividades que iremos coñecendo nos vindeiros días. E entre todas as novidades deste ano estará o programa Este Nadal xogamos para ser iguais, unha iniciativa da Concellaría de Igualdade que trata de fomentar a educación en igualdade a través do xogo, ao tempo que afonda na promoción do xoguete non sexista, potencia a creatividade infantil, crea conciencia sobre a reutilización e a reciclaxe, apoia a conciliación e convértese nun elemento de dinamización do mercado municipal de abastos e do comercio local.

Con todos eses ingredientes, ao longo da primeira semana das vacacións escolares, do 26 ao 30 de decembro, desenvolveranse un total de 10 obradoiros na planta baixa do mercado, no corredor paralelo ao xardín municipal. Cada taller terá unha duración de hora e media, para facilitar ás familias a realización das súas compras mentres os nenos e as nenas participan nas actividades.

Coa finalidade de lograr o maior aproveitamento posible, haberá 15 prazas por taller, e cada un deles irá dirixido a nenos e nenas dunhas idades concretas, segundo o seguinte calendario:

Luns 26
• 10.30 a 12.00h: Tarefas igualitarias: cociña de Nadal para nenos e nenas de 1º, 2º e 3º de primaria.
• 12.30 a 14.00h: Xoguetes non sexistas: creación de instrumentos musicais con refugallo. Para alumnado de infantil.

Martes 27
• 10.30 a 12.00h: Recuperación de prendas unisex: customización de camisetas. Para alumnado de 4º, 5º e 6º de primaria.
• 12.30 a 14.00h: Tarefas igualitarias: empaquetaxe creativa. Alumnado de 1º, 2º e 3º de primaria.

Mércores 28
• 10.30 a 12.00h: Tarefas igualitarias: empaquetaxe creativa. Alumnado de 1º, 2º e 3º de primaria.
• 12.30 a 14.00h: Xoguetes non sexistas: creación de instrumentos musicais con refugallo. Alumnado de infantil.

Xoves 29
• 10.30 a 12.00h: Tarefas igualitarias: cociña de Nadal para nenos e nenas de 1º, 2º e 3º de primaria.
• 12.30 a 14.00h: Recuperación de prendas unisex: customización de camisetas. Para alumnado de 4º, 5º e 6º de primaria.

Venres 30
• 10.30 a 12.00h: Recuperación de prendas unisex: customización de camisetas. Para alumnado de 4º, 5º e 6º de primaria.
• 12.30 a 14.00h: Xoguetes non sexistas: creación de instrumentos musicais con refugallo. Alumnado de infantil.

Nos obradoiros de xoguetes, os/as máis pequenos/as aprenderán a facer cada día un instrumento musical con material de refugallo. O alumnado de 1º, 2º e 3º de primaria alternará a elaboración de caixiñas e envoltorios creativos coa cociña, na que aprenderán a elaborar crepe recheo de polo con granada e coquiños. E o máis maior poderá elaborar camisetas exclusivas con distintos materiais. Todas as actividades serán dirixidas por dous monitores/as.

As prazas cubriranse por orde de inscrición. Podes facer a solicitude aquí: https://forms.gle/L7HZ33zTva1ytQ2G6
Fíxate nas idades ás que vai dirixida cada obradoiro e anota aos peques!